Principal
Prólogo
O Método
Historia
O Pito Galego
Obradoiro
Dixitación
Mantemento
Respiración
Estiramentos
O Son
Afinación
Articulación I
Técnica I
Técnica II
Técnica III
Técnica IV
Arpexos
Articulación II
Técnica de Gaita
Repertorio Tradicional
Bibliografía
Ligazóns
Agradecementos
Contacto
       

    

     Pito Galego  Moisés Quintas Suárez

Respiración

 

A respiración é vida.

Témola tan automatizada que, aínda sendo tan vital, non nos percatamos de que respiramos e, moito menos, de que xeito o facemos.

Cando respiramos dun modo máis natural e mellor, é cando estamos tumbados en posición horizontal ollando cara arriba.

Se nos fixamos nos bebés, cando respiran inflan e desinflan a barriga.

Desde que nacemos até que empezamos a camiñar facemos unha respiración diafragmática, logo coa postura erguida respiramos en xeral de xeito incorrecto, collendo aire soamente na parte superior dos pulmóns. Seica é o prezo da evolución humana por deixar de andar a catro patas.

Se nos percatamos, erguemos os ombros cando estamos a tomar aire; pois iso é un erro e vén a xustificar o dito anteriormente.

Hai estudos que din que unha mala respiración pode rematar en enfermidades como o estrés ou en hábitos pouco beneficiosos como o tabaco, co que seica se trata de compensar esa insatisfacción que deixa unha deficiente respiración.

O que si é certo é que unha inspiración profunda deixa a un novo, tranquilo e relaxado.

Unha respiración profunda consiste en empezar a coller aire na parte inferior dos pulmóns, enchendo ben a barriga e logo o resto dos pulmóns.

A partir de aquí, debemos encher o noso fol pensando sempre en facelo da parte inferior á superior. Como se botaramos auga nun vaso, ollando como pouco a pouco se enche.

Se collemos aire na parte superior dos pulmóns, logo non podemos encher a inferior. Deste xeito contamos coa metade de aire á hora de tocar un instrumento de vento.

Tranquilos, porque isto ten arranxo.

Imaxina que o tórax está dividido en dous compartimentos diferentes, un superior e outro inferior, e que podes coller o aire indistintamente en cada un por separado, ou ben nos dous.

Tamén vas imaxinar un problema; se enches primeiro o compartimento superior, logo non podes encher o inferior, é dicir, para ter os dous cheos ao mesmo tempo debes comezar por encher o inferior "a tope" e logo pasarte ao superior.

Pois dito isto, imos facer o primeiro exercicio:

• Comezamos polo máis sinxelo que é encher o "compartimento superior". De pé, collemos o aire pola boca. Podemos erguer os ombros. É máis, debémolos erguer xa que estamos collendo aire na parte superior. Ollo! Só no compartimento superior e sen inflar a barriga.

- Que tal?

Repetímolo varias veces antes de pasar ao segundo exercicio:

• Imos encher agora só o compartimento inferior. De pé, collemos aire lentamente pensando en mandalo á parte inferior da barriga. Facemos que medre e infle coma un fol. Ollo! Agora nada de erguer os ombros.

 

É incrible a cantidade de aire que colle, verdade? Semella que infla un cara adiante, cara atrás, cara aos lados, e en realidade, é así.

Coida que non chegue nada de aire ao compartimento superior. Pecha ben a chave. Si, a chave, como se tiveras unha válvula que deixa entrar o aire e non o deixa saír. Como o zapón, a gomiña que ten o soprete da gaita!

Deixa saír o aire relaxando a barriga.

- Que tal o compartimento inferior?

Repetimos o exercicio varias veces (descansando entre cada unha) até que teñamos ben controlado o "compartimento inferior" que é co que traballamos o diafragma, un músculo que se atopa debaixo dos pulmóns e ao que vés de darlle utilidade.

- Controlado?

Pois imos complicalo un pouco máis no terceiro exercicio:

• Neste exercicio imos xuntar os dous compartimentos, mais, lembras por cal debemos empezar a coller aire... ?

Pois si, polo inferior, por abaixo.

Seguimos de pé, collemos aire pola boca e mandámolo ao compartimento inferior, á barriga, que vai inflando cada vez máis. Pensamos en mandalo ben abaixo sen erguer os ombros. Debemos notar que xa non colle máis aire.

Unha vez cheo abrimos a válvula e… veña, a encher o compartimento de enriba. Agora si que cando o teñamos case cheo vanse erguer un pouco os ombros.

Aguantamos uns segundos así cheiños e deixamos saír o aire, desinflándonos pouco a pouco.

- Que tal cos dous compartimentos? Atopaches diferenzas entre eles?

- Agardo que si.

Non é aconsellable facer os exercicios moi seguidos, pois co exceso de osixenación poden producirse mareos.

Este exercicio axuda a tomar conciencia da respiración e a empregala ben. Non é específico para músicos de instrumentos de vento.

Non imos respirar deste xeito tan "complexo" normalmente, mais unha vez que somos conscientes de como respiramos e de como deberiamos respirar, de onde collemos o aire e de onde o deberamos coller, polo menos, débenos facer reflexionar.

Temos que pensar nunha respiración normal, mais collendo o aire na parte inferior dos pulmóns, cavilando na barriga: así, ao encher de abaixo cara arriba empregamos a totalidade dos pulmóns e facemos unha respiración diafragmática.

Até o de agora, soamente lle demos importancia a como coller o aire nos pulmóns; mais para tocar, tamén é moi importante como expulsalo, xa que é cando producimos o son no instrumento.

Pois imos logo ollar como expulsar o aire "con xeito". De pouco serve coller moito e ben, se logo o malgastamos.

Este exercicio é para aprender a expulsalo cunha presión e velocidade equilibrada, pois isto vai ser de moita importancia á hora de afinar ben e facer fraseos longos.

Só vai cambiar co exercicio anterior o momento de expulsar o aire, mais é unha dificultade máis a engadir e debemos ter moi seguros os pasos anteriores, xa que neste exercicio concéntranse todas as dificultades.

- Seguro que queres seguir?

Imos logo co máis difícil e importante; o cuarto exercicio:

• De pé, inspiramos pola boca enchendo o compartimento inferior e logo o superior, coma sempre. Chegado este momento imos expulsar o aire suavemente sen deixar que se nos desinfle a barriga e mantendo a presión nela até o remate.

- Como foi?

Se o conseguimos facer ben, é como se tiveramos unha reserva de aire na barriga que non se esgota nunca.

Repetímolo varias veces variando a presión e a velocidade do aire, pero endexamais a presión na barriga. Esta debémola manter sempre, tamén entre as respiracións.

Unha vez que teñamos isto automatizado, intentamos facer o exercicio sen pensar:

  • nunha inspiración tan profunda
  • en dúas fases
  • en dous compartimentos
  • En resumo, será unha inspiración do máis normal, natural e coidando en mandar o aire á barriga (á parte inferior dos pulmóns onde actúa o diafragma) e logo soltalo coa presión e velocidade que queiramos, mantendo sempre, sempre, a presión na... (diafragma).

    Tanto cando inspires como cando expires, debes presionar botando a barriga cara a fóra.

    A cantidade de aire que imos inspirar dependerá sempre do fraseo, do número de notas que teñamos que dar sen poder respirar.

    A presión e velocidade do aire no momento de expulsalo dependerá da intensidade, da altura, do timbre e da duración das notas.

    Agora tenta por en práctica a teoría. Colle o pito e fai exercicios con notas longas sen esquecer:

  • O diafragma
  • A afinación
  • Moitas veces en pasaxes rápidas, temos que coller o máximo de aire no menor tempo posible.

    Practicamos estas respiracións rápidas pensando sempre no mesmo:

  • Coller o aire abaixo
  • Presión na barriga tanto ao expulsalo como nas inspiracións sucesivas
  • Todos desexamos resultados inmediatos pero tamén sabemos que non é doado; cómpre interiorizar e reposar os conceptos.

    Logo, unha vez asimilados, todo semella moi sinxelo.

    Controlando estes exercicios imos notar moita mellora na afinación e sobrará aire para repartir cos amigos.