Principal
Prólogo
O Método
Historia
O Pito Galego
Obradoiro
Dixitación
Mantemento
Respiración
Estiramentos
O Son
Afinación
Articulación I
Técnica I
Técnica II
Técnica III
Técnica IV
Arpexos
Articulación II
Técnica de Gaita
Repertorio Tradicional
Bibliografía
Ligazóns
Agradecementos
Contacto
       

    

     Pito Galego  Moisés Quintas Suárez

Introducción Histórica

 

 

Para saber cal é a orixe do pito, debemos botar unha ollada cara atrás no tempo e ver cal foi a evolución histórica das frautas.

É difícil determinar cando aparece o ancestro das nosas frautas modernas, mais o que si é seguro é que teriamos que retroceder a tempos prehistóricos, onde a música xa tiña un papel importante na vida do home.

Os derradeiros achádegos arqueolóxicos veñen a demostrar que as frautas xa se empregaban hai aproximadamente 40.000 anos, fabricadas en óso ou marfil, e incluso algunhas delas téñense feito soar como as de Hohle Fels e Geibenklösterle (Alemaña) ou as da provincia chinesa de Henan de hai 9.000 anos.

Un dato importante achéganolo Estrabón sobre as danzas practicadas polos galaicos nas noites de plenilunio: "Mentras beben bailan en círculo ao son da frauta e corneta e tamén saltando e axeonllándose".

Os aerófonos de embocadura de bisel (frautas de todo xénero) son seguramente os instrumentos musicais de vento máis antigos. Son empregados en todas as épocas e pola maioría das culturas, desde as máis sinxelas ás máis evolucionadas frautas modernas.

Aínda que as frautas son xeralmente tubulares, tamén poden ser globulares como as ocarinas.

Hai varios tipos de clasificacións, mais se atendemos á forma da embocadura, podemos dividilas en tres grupos principais:

• Frautas verticais, que se sopran de xeito oblicuo por unha extremidade do tubo sen maiores modificacións (naï, shakuhachi, quena, chifre de afiador).

• Frautas de bico ou rectas, que posúen unha canle ou conduto que dirixe o aire cara ao bisel (frauta doce, ocarina, pito).

• Frautas traveseiras, nas que a extremidade superior está pechada e o aire entra directamente por un burato aberto nun lateral do tubo (bansuri, pínfano, requinta).

As nosas fontes de información son restos arqueolóxicos, pinturas, debuxos en manuscritos, referencias ao instrumento na literatura antiga ou os gravados en madeira ou pedra.

 

Así no Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense, os únicos instrumentos de vento que aparecen son dúas frautas (unha un pouco máis grande que a outra) que toca o segundo ancián (de esquerda a dereita).

 

 

Estas frautas teñen tres buratos, un deles suponse na parte posterior. Pódese observar perfectamente o bisel e catro aros ou aneis repartidos no corpo, que seguramente ademais de ornamentalo cumpren a función de protexelo.

 

Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense, s.XIII.

En Galicia, ademais da Catedral de Ourense tamén temos representación de frautas dobres no pórtico da igrexa de San Xoán de Portomarín (Lugo) do s. XII, aínda que o estado de conservación é moito peor.

Unha das explicacións que se dan ao feito de que na Catedral de Santiago non apareza ningún instrumento de vento é a seguinte:

"La ausencia de intrumentos de viento en la orquesta de los ancianos del Pórtico ha sido objeto de interpretaciones muy arbitrarias. Pudiera tratarse de una exclusión simbólica de la música "elegíaca" o de la que solía acompañar las diversiones profanas".

Cancioneiro Castosampedro, pax. 74.

Este tipo de frautas son sen dúbida as antecesoras de instrumentos populares como os pitos de tres buratos, onde o mesmo músico se acompaña dun tambor e dos que tamén xa o rei Afonso X O Sabio deixou constancia.

 

 

 

 

 

 

Miniatura  nº 370 das Cantigas de Santa María de Afonso X. s. XIII.

Estas frautas seguen a empregarse con distintos nomes en distintas rexións tanto dentro como fóra de España: pito maragato ou chifla berciana en León, xipla ou xipra en Asturias, chiflo en Aragón, txistu, txirula ou silbote en Euskadi, pito ibicenco en Ibiza, pito rociero ou gaita rociera en Andalucía e pita en Tenerife.

Ademais tamén se emprega co nome de flauta en Trás-os-montes e o Alentejo en Portugal, galoubet na Provenza francesa, pipe tabor en Inglaterra, silutto na illa de Cerdeña en Italia, roncadoras ou chirocas no Perú.

No Cancioneiro Musical de Galicia de Castosampedro, aparece na sección segunda da terceira parte "curiosidades varias", melodías para ser tocadas con "pito e tambor", o que non sabemos son as características dese "pito", quizais un similar aos descritos anteriormente.

En Galicia, estas frautas quedan reflectidas en varias iconografías de distintas épocas:

    • Capela de San Xoán da Catedral de Ourense (finais do s. XV).

    • Pinturas murais da igrexa de Santa Baia de Banga (1550), O Carballiño, Ourense.

    • Retablo da igrexa de Santa María de Meiraos (1614), Lugo.

    • Cadeirado do coro da Catedral de Lugo (1624).

    • Cadeirado do coro de San Martiño Pinario (1647), Santiago de Compostela.

    • Cantoral de San Paio de Antealtares (s. XVIII), Santiago de Compostela.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Retablo da igrexa de Sta. María de Meiraos (Lugo), s. XVI.

Outras frautas de bico medievais tamén se atopan aínda hoxe en formas e tamaños similares tanto en Europa como no mundo folclórico árabe. Non teñen un número de buratos determinado e o material empregado é de gran diversidade: buxo, arce, pau rosa, metal, óso, cerámica...

A frauta de bico tal como foi coñecida a partir da Idade Media, xorde da evolución de pitos e frautas rectas de cinco e seis buratos anteriores e sen burato posterior, de orixe popular (chamadas por ese motivo fistula vulgaris e tibia ruralis), que aínda hoxe se empregan en moitas partes do mundo. As de seis buratos para a dixitación, acadan

a segunda oitava facendo máis presión no sopro. Pouco a pouco foise aumentando o diámetro do tubo para acadar mellor os sons graves, mais isto facía menos doado acadar os sons agudos da segunda oitava, polo que se engadiu un burato posterior para o polgar da man esquerda. Xorde deste xeito o prototipo de frauta de oito buratos.

As fontes iconográficas da Idade Media son moi inexactas para facerse unha idea real do conxunto da frauta, tanto do número de buratos anteriores, por estar tapados polos dedos, como do posterior, que ao amosar a frauta por diante, nunca se sabe se o ten ou non.

 

Retablo da virxe (XIV). Pere Serra. Museo de arte de Cataluña. Barcelona.

 

 

Por sorte, algunhas frautas medievais chegaron a nós en bo estado de conservación, como a frauta de Dordrecht (Holanda, 1940), atopada nas ruínas dun castelo ou a frauta de Göttingen (Alemaña, 1987), datadas as dúas entre os séculos XIII-XIV.

Tamén a frauta de Elblag (Polonia, 2004) de mediados do s. XV, está en moi boas condicións.

 

   
  Frauta de Dordrecht (Holanda 1940), s.XIII. Gemeentemuseum, A Haia.    

A última atopada é a frauta de Tartu (Estonia, 2005) do s. XIV, e tamén en moi bo estado. As súas características son:

• Corpo de arce de 250 mm de longo por 30,7 mm de diámetro na parte máis ancha, que é a embocadura.

• Sete buratos anteriores e un posterior para o polgar da man esquerda.

• A embocadura ten un corte recto, non ten forma de bico.

• Contorno case cilíndrico máis ancho cara aos extremos.

• O bisel é grande se o comparamos co instrumento.

• O bloque está feito de bidueiro. Mide 23 mm de alto e 12,5 mm de diámetro.

• Os sete buratos están aliñados e teñen forma cilíndrica, cun diámetro moi similar de 12 mm.

• O sétimo burato, a diferenza das outras frautas atopadas, non se duplica.

• Como as anteriores, o sétimo burato produce medio ton (tamén como o pito galego), a diferenza das normas posteriores de ton.

• A extensión é de dúas oitavas e unha segunda, curiosamente maior que algunhas posteriores do Renacemento que dan unha oitava e unha sexta.

No tratado de música de Sebastian Virdung (c.1465-? ), onde aparecen as primeiras nocións de teoría da música, contrapunto e composición, podemos ollar tamén o sétimo burato dobre, que permite intercambiar as mans. Facía unha clasificación das frautas doces en tres tipos: "diskant" en sol, tenor en do e baixo en fa.

 

 
Sebastian Virdung (c.1465-?): Música getutscht und ausgerogen (Strasburg e Basel, 1511).  

Uns anos despois, o compositor e teórico alemán Martin Agricola (1486-1556), fixo un estudo de instrumentos musicais e unha das primeiras e máis importantes obras en organoloxía e rudimentos de música.

 

Clasificaba  xa as frautas en catro tipos: diskantus, altus, tenor e bassus.

 
 

 

Martin Agricola (1486-1556): Música instrumentalis deudsch (Wittenberg, 1529 e 1545).

 

 

No Renacemento, en Inglaterra, chamouse recorder, e flute na época Barroca.

No continente europeo, coñeceuse en ambos os dous períodos como frauta, blockflöte, flûte ou flauto. A frauta traveseira chamábase especificamente como tal (ou simplemente traverso) para distinguila da frauta doce ou frauta inglesa. O nome inglés deriva do italiano ricordo (recordo).

No Renacemento (XV-XVI), a frauta doce ten un deseño moi simple. Está construída nunha soa peza recta, a excepción dos tamaños máis grandes. Normalmente ten nove buratos, como na Idade Media: un para o polgar por detrás e sete para o resto dos dedos por diante; facendo dobre o máis baixo (que toca o maimiño), o que permitía a elección no xeito de coller o instrumento, podendo colocar a man esquerda enriba e a dereita abaixo, ou ben ao revés. O burato que non se emprega, tápase con cera. Xeralmente o trade do tubo é lixeiramente cónico, sendo máis amplo na parte alta.

O exterior ten unha forma lisa, máis ancha na parte superior e na inferior que no centro. Só a embocadura e o pabillón están lixeiramente marcados. As paredes son grosas. A embocadura ten forma de bico, é bastante alongada e cun burato estreito. O son é pobre en agudos, gordo e redondo.

 

 

Réplica de frautas renacentistas feitas por Moeck: sopranino en fa, soprano en do, contralto en fa, tenor en do e baixo en fa.

 

Sylvestro Ganassi del Fontego (1492-?) é o autor do primeiro libro de instrucións para frauta doce. Nesa época, o instrumento ao non ser fabricado en serie, advirte os lectores de que algunhas dixitacións posiblemente teñan que ser cambiadas dependendo do construtor, principalmente nas notas agudas. Tamén trata da respiración, articulación, etc.

 

Sylvestro Ganassi del Fontego: Fontegara, la quale insegna di sonare di flauto (Veneza, 1535).

 

Michael Praetorius (1571-1621) introduciu unha modificación de moita importancia ao facer a cabeza separable do corpo, permitindo deste xeito a afinación das frautas dos distintos construtores entre si, e tamén con outros instrumentos.

Nesta época non se atopa música escrita especificamente para frauta, senón que son os intérpretes os que deciden con que instrumento tocar.

A extensión das frautas renacentistas era dunha oitava e unha sexta, podendo acadar algunhas as dúas oitavas.

praetorius.gif (87045 bytes)

 

Michael Praetorius (c.1571-1621): Syntagma musicum (Wittenberg, 1615-1619). Familia de frautas doces, comeza pola gran baixo en fa, baixo en si bemol, basset en fa, tenor en do, alto en sol, diskants ou soprano en do e re, exilent en sol e a garklein (cun burato para o polgar e tres tonais). 

 

No Barroco (XVII-XVIII) prodúcese unha notable evolución de diversos instrumentos, entre eles a frauta, debido ás esixencias sonoras da época.

Tanto a familia Hotteterre (músicos e construtores de instrumentos asentados en París) como J. J. Quantz (frautista, compositor e tamén construtor) son os principais artífices desa evolución, ao tempo aumentan o repertorio e elaboran métodos para a súa aprendizaxe.

Estes cambios introducidos na frauta doce son:

• A construción, normalmente en tres seccións. A sección inferior pódese xirar permitindo que calquera das dúas mans se sitúe enriba, evitando así un noveno burato.

• Reemprazo do tubo cilíndrico por un tubo cónico (cono invertido), o que permite que a extensión da frauta pase de dúas oitavas.

• Ten un perfil máis irregular con aneis que teñen unha función máis ben decorativa.

A contralto é o modelo de frauta máis empregado nesta época, compartindo repertorio co violín e o óboe.              

 

O material empregado para a construción é con frecuencia madeira de buxo, pero tamén arce e outras madeiras; incluso marfil. A madeira empregada para o bloque ou bisel normalmente é máis branda, como o cedro, a diferenza das renacentistas que tiñan bloques de arce ou outras madeiras tamén duras.

 

Réplica de frautas barrocas feitas por Moeck: sopranino en fa, soprano en do, contralto en fa, tenor en do e baixo en fa.

 

Nesta época a frauta doce é empregada con frecuencia nos concertos, existindo gran demanda tanto de frautistas profesionais como de profesores.

Entre os grandes compositores que escribiron música para frauta, podemos destacar a: Henry Purcell, George F. Haendel, Johann S. Bach, Antonio Vivaldi e Georg Ph. Telemann, que foi dos últimos compositores que escribiu para frauta doce e tamén o que máis cantidade achegou tanto de solista como de cámara.

A frauta traveseira, que se constrúe na segunda metade do século XVII, pouco a pouco vai acadando no século XVIII máis importancia e vai substituíndo á frauta de bico que se vai empregando menos, pois sendo ideal para facer música de cámara, non atopa sitio nas grandes salas de concerto nin nas grandes orquestras.

No século XIX, as inquedanzas por saber como soaba a música do pasado tocada cos instrumentos para os que fora escrita, fan que Arnold Dolmetsch (1858-1940), en Inglaterra e Gurlitt (1889-1963), en Alemaña, dirixan as súas investigacións cara aos instrumentos antigos.

Dolmetsch chega a reconstruír frautas de pico inspiradas nun modelo Bressan da época e estuda a súa técnica seguindo un dos poucos métodos do século anterior.

A frauta vaise convertindo nun instrumento de aleccionados e, polo 1920, introdúcese en escolas inglesas e alemás dentro da educación musical.

En 1937 fúndase a Sociedade de Frautistas Doces (Society of Recorder Players), da que é nomeado presidente honorable en 1958, Benjamin Britten. O obxectivo desta sociedade non era outro que o de xuntar músicos interesados neste instrumento, xa sexan afeccionados ou profesionais.

Deste xeito, rexorde de novo a frauta doce e chega até os nosos días non só para tocar música do pasado, senon tamén para interpretar novas composicións.

O interese por este instrumento vai en aumento tanto nas escolas dentro da área de Educación Musical, como de afeccionados e profesionais, xa que hoxe pódese estudar como unha carreira máis na maioría dos conservatorios de música.

Aparecen dúas formas de dixitación: a alemá ou directa, xurdida accidentalmente a causa dunha mala interpretación da dixitación barroca dun fabricante alemán, e que cambia algunha dixitación; e, a inglesa, case unha réplica da dixitación que se ofrece nos tratados barrocos.

Hoxe seguen empregándose os cinco tipos principais: sopranino en fa, soprano en do, contralto en fa, tenor en do e baixo en fa.

En paralelo á evolución destas frautas de bico aparece o flageolet, moi popular en Inglaterra e Francia entre os séculos XVI e XVII.

A palabra "flageolet" comeza a empregarse a partir da Idade Media no lugar da latina "fistula".

No 1636, Marin Mersenne atribúe a súa invención a un construtor parisino chamado Juvigny, no 1581.

O instrumento menciónase en poemas no 1660, onde se afirma que se emprega para facer música de baile e tamén para ensinar a cantar aos paxaros.

Son unhas frautas de bico con seis buratos, catro anteriores e dous posteriores.

Tamén existía unha familia de flageolets de diferentes rexistros, e o propio Mersenne reproduce nun tratado seu, unha composición escrita a catro voces para esta frauta.

 

No ano 1680, Thomas Greeting, publica en Londres un método de flageolet, The Pleasant Companion.

 

 
 Thomas Greeting, The Pleasant Companion, 1680.  

 

No s. XVIII substitúese a boquilla por un pequeno conduto de óso ou marfil.

A finais do s. XVIII, o flageolet xa tiña chaves, e nos modelos ingleses, os buratos eran todos anteriores excepto o oitavador do polgar da man esquerda.

A súa escala é idéntica á do noso pito:

Ten unha única chave para o re# nos modelos máis antigos.

O corpo do instrumento é comunmente de buxo con aneis de marfil, e a lonxitude aproximada é de 40 cm.

Haendel incluíuno na súa primeira ópera italiana Rinaldo (1711), e logo seguírono Rameau, Gluk e Mozart.

No século XIX en Inglaterra, chegou a facerse un flageolet dobre cunha única embocadura da que saen dous tubos, o que permite tocar por terceiras paralelas. Menos común son os de triple tubo, aínda que tamén se construíron.

 

 

 

 

 

 

 

 

Flageolet s. XX  fabricado en granadillo e anelado en prata con catro chaves para o re#, fa natural, sol# e si b e flageolet s. XVIII fabricado en buxo e anelado en marfil cunha chave para o re# .