Principal
Prólogo
O Método
Historia
O Pito Galego
Obradoiro
Dixitación
Mantemento
Respiración
Estiramentos
O Son
Afinación
Articulación I
Técnica I
Técnica II
Técnica III
Técnica IV
Arpexos
Articulación II
Técnica de Gaita
Repertorio Tradicional
Bibliografía
Ligazóns
Agradecementos
Contacto
       

    

     Pito Galego  Moisés Quintas Suárez

O Pito Galego

Xa está á venda o libro "Pito Galego, Método Práctico" Ouvirmos 2015

Considero interesante comezar esta sección definindo a palabra pito. A continuación detállase unha relación de diccionarios ordeados cronoloxicamente, onde se recolle dita palabra:

  • Dicionario etimolóxico de Sebastián de Covarrubias (1611) indica que pito é "o asubío dun neno".
  • Dicionario de autoridades (publicado entre 1726 e 1739): "frauta pequena como un asubío cun son agudo", e tamén "certo xénero de frautiña ou vaso de barro que botándolle auga e soprando polo bico ou extremo, fai un son ou voz que imita o canto ou rechouchío dos paxaros".
  • Dicionario Galego de Juan Cuveiro Piñol (1876): "Peza de barro con buratos, para que botándolle auga e soprándolle, imite os rechouchíos dun paxaro".
  • Dicionario galego-castelán Marcial Valladares Núñez (1884): "Especie de asubío". Engade a cantiga seguinte:
  • Teño unha galiña chòca

    e ham’a de come-l-o cuco.

    Pèga tres vòltas n’o aire.

    Tòcall’o pito, Farruco.

  • Vocabulario popular castelán-galego de X. Filgueira Valverde e VVAA (1926): "Asubío".
  • Dicionario etimolóxico de Joan Corominas (1954): "Onomatopea de asubío. En ocasións, chámase así á embocadura dun instrumento".
  • Dicionario enciclopédico galego-castelán de Eladio Rodríguez González (1958-1962): "Frauta pequena que forma un son agudo. Especie de asubío, instrumento que serve para asubiar".
  • Dicionario galego-castelán de X. L. Franco Grande (1972): "Frauta pequena que forma un son agudo".
  • Dicionario da Real Academia Española (1992): "instrumento pequeno que produce un son agudo cando se sopra nel, asubío". Tamén o define como "unha vasilla pequena de barro, que produce un son semellante ao rechouchío dos paxaros cando, chea de auga até certa altura, se sopra polo bico".
  • Dicionario da Real Academia Galega (1997): "Instrumento que serve para asubiar. SIN. asubío, chifre".
  •  

    Así pois, soamente se lle chama frauta no Dicionario de autoridades, no de Eladio Rodríguez e no de X. L. Franco. Hoxe popularmente, tanto en Galicia coma no resto do Estado español, referímonos ao pito como frauta, aínda que difira na forma, no número de buratos e na execución.

    O pito galego, como todas as frautas, foi un instrumento de pasatempo, feito fundamentalmente por pastores, cun número variable de buratos e, posiblemente, para axudar a pasar as longas horas de soidade. Mais pouco a pouco, foi acadando unha perfección que lle confire dúas oitavas cromáticas, ideal para tocar el só, acompañando á voz, con percusión, zanfonas, requintas ou con gaitas.

    Ten características similares á frauta de bico, mais cunha diferenza que radica na dixitación, que é moi similar á da gaita.

     

    Esta diferenza é a que o converte nun instrumento especial, xa que a técnica e a articulación da frauta mestúrase coa dixitación da gaita, podendo empregarse tamén picados e ornamentos de dedos propios dela.

    Unha das funcións do pito era e segue a ser a dun instrumento de estudo previo á gaita ou para exercitarse sen o volume ou a aparatosidade de transporte desta.

     

    Antigamente fabricado con corno de cabra, cana ou sabugueiro por pastores, nenos e afeccionados para iniciarse na música e, actualmente, con buxo, granadillo, cocobolo e outras madeiras nobres, por construtores profesionais.

     

            

    Pito pastoril galego de cana

     

    Pode que noutro tempo a súa forma fose ben distinta a como hoxe se coñece:

    "... y que la flauta travesera, o de forma alemana, en sus distintos tamaños, de ordinaria, tercerola y flautín, vino a sustituir al pito de boquilla biselada y de cuatro agujeros que, quintando daban más de una octava..." Cancioneiro Castrosampedro, pax. 203.

    Aquí, fálase dun pito de "catro" buratos, cando actualmente o máis elaborado ten oito.

    Xabier Groba no seu traballo "Casto Sampedro e a Música do Cantigueiro Galego de Tradición Oral" Vol. II, recolle dos seus escritos musicais, referíndose á Xota e ao Fandango: "La primera fue más general como baile, como tocata y como canto. Gaitas, Zanfonas, violines, clarinetes, Flautas y Flautines y aún el sencillo y campestre Pito de boquilla biselada la tocaban…"

    Tamén Frei Martín Sarmiento na súa colección lexicográfica (1746-1770) comenta:

    "…el castellano tomó de flo la voz flato y flauta, y el gallego de flauta dice flauta y flauteira que no creo se usa sino que se usó. Es la razón por que mudando la FL o FR en CH y el AU en OU formó la voz chouteira que significa la copla y tono que se canta a la flauta o silbato en las romerías o en los molinos".

    Cando F. M. Sarmiento se refire á "flauta", non sabemos se é de bico ou traveseira. E o "silbato" é posible que se trate dun pito, mais tampouco sabemos as súas características.

    Tanto no referente á calidade do son como ao número de buratos nos pitos de cana, o máis seguro é que variase dependendo do coñecemento e das necesidades de quen os fixese, que o máis probable é que fose un afeccionado á musica.

    Deste xeito comenta na súa web Pepe Temprano a súa lembranza de neno:

     

    "...E andábache así con outros rapaces. Despois xa a medio día viñan as rosquilleiras, cas rosquillas, e con unhas frautas de canaveira, con tres buratos, catro buratos, cinco buratos... e cando ía cos meus pais e... quero unha frauta, che compraban aquela frauta, que solo facía pipipi, e na mais, a ver si nos entendemos... non había outra cousa. Era a música dos rapaces, de feito custaba dous patacos". www.pepetemprano.es

    Até nós chegaron construídos en madeira de buxo os tres seguintes pitos, de artesán descoñecido e de seis buratos frontais, que pertenceron ao pai de Pepe Temprano e el lembra xa dende neno. Os herdeiros da famosa tenda de musica Canuto Berea, situada na Coruña e que pechou no ano 1987, comentáronlle a Pepe que moitos pitos viñan de Francia, e aquí había un artesán da zona de Cariño que os copiaba para vender eles.

    Tanto en madeira como en metal, tipo tin whistle irlandés, era común tamén poder mercalos nas feiras. Seguramente algúns eran de importación e empregáronse substituíndo os pitos galegos.

     

    1º Pito

  • Artesán descoñecido

  • Interior con furado lixeiramente cónico, co calibre máis ancho cara ao bisel

  • Tonalidade: G5 (A= 440 Hz)

  • Madeira de buxo dunha soa peza con anelado en metal na parte inferior

  •  Lonxitude: 22,5 cm

  • Seis buratos frontais

  • Propiedade de Pepe Temprano

  •  

               

    2º Pito

  • Artesán descoñecido

  • Interior con furado lixeiramente cónico, co calibre máis ancho cara ao bisel

  • Tonalidade: F#5 (A= 440 Hz)

  • Madeira de buxo dunha soa peza

  • Lonxitude: 23,8 cm

  • Seis buratos frontais

  • Propiedade de Pepe Temprano

  • As características dos pitos 1 e 2 indican que están construídos polo mesmo artesán. A súa morfoloxía é idéntica e só cambia o tamaño e o anelado inferior no pito 1, aínda que posiblemente o pito 2 tamén o tivera e se perdese co tempo.

     

                 
     3º Pito
  • Artesán descoñecido

  • Interior con furado lixeiramente cónico, co calibre máis ancho cara ao bisel

  • Tonalidade: C#5 (A= 440 Hz).

  • Madeira de buxo en dúas seccións con anelado en corno na parte inferior

  • Embocadura: 9,4 cm

  • Cana: 23,8 cm

  • Espigo: 3,2 cm

  • Lonxitude total: 30 cm

  • Seis buratos frontais

  • Propiedade de Pepe Temprano

  •  

     

    Tal como coñecemos hoxe o pito estivo a piques de desaparecer. Paulino Pérez, artesán de Lugo, e Basilio Carril, de Santiago, foron os últimos construtores coñecidos que os fabricaron e en tonalidade de mi.

    Na colección de Instrumentos Musicais da Deputación de Lugo -Centrad- consérvanse varios pitos fabricados por Paulino Pérez e segundo conta o seu neto Luciano Pérez, actual director do citado museo, o seu avó chamáballes "freixolet". Este nome pode ser unha galeguización do "flageolet" debido ao parecido que ten con este instrumento, quizais porque Paulino quixo darlle aos seus pitos unha estética similar.

     

     

    Aínda que hai pequenas variacións entre eles, as características do pito de Paulino Pérez son:

    • Interior con furado lixeiramente cónico, co calibre máis ancho cara ao bisel.

    • Está formado por dúas pezas:

  • Boquilla con bisel, onde se produce o son cunha prolongación a xeito de ornamentación. A boquilla na súa totalidade mide 12 cm.
  • Cana con sete buratos frontais que remata nun espigo de 16 mm na parte superior que encaixa na boquilla. A cana mide 22 cm e remata na parte inferior cun anelado en corno. Non presenta burato posterior ou portador para o polgar da man esquerda, excepto o pito do centro da imaxe.
  • • O pito ten un tamaño total de 34 cm.

    • Aínda que posiblemente haxa máis en mans de particulares, actualmente temos constancia de tres pitos, un no museo da Centrad (esquerda foto ) en Lugo e dous propiedade do seu neto Luciano. Están construídos en buxo na cana e corno na boquilla, pau santo na cana e corno na boquilla.

    • Os tres están en tonalidade de E5 (A= 430 Hz). O sétimo burato fai unha subtónica en D e non unha sensible coma os pitos de Basilio ou Corral.

    • A extensión musical do pito é de dúas oitavas.

    A súa dixitación é semellante á da gaita, de feito estes pitos empregábanos para a aprendizaxe da gaita os nenos do colexio Fingoi en Lugo na década dos 60.

       

     

     

     

     

     

     

     

     

     

     

     

     

          

     

     

     

     

     

     

     

     

    Pitos en tonalidade de mi construídos en corno, buxo e pau santo polo artesán  Paulino Pérez en Lugo, 1960.  

     

    No ano 1971, Hispavox edita Os Xacobeos "Pitos Gallegos", un disco en vinilo no que Basilio Carril e Miguel de Santiago interpretan catro temas con dúo de pitos construídos por Basilio:

       

     

     

     

     

     

     

     

     

     

     

     

     

  • Maruxa. A. Vives. Muiñeira
  • O pote. M. de Santiago. Muiñeira
  • Vindo do faro. Popular. Foliada
  • Faragulliñas. B. Carril. Muiñeira
  •         Portada do E.P. "Pitos Gallegos" Hispavox 1971. 

     

    De Basilio Carril consérvanse varios exemplares. O da esquerda da imaxe está no Museo do Pobo Galego e os outros dous son propiedade do gaiteiro Pepe Temprano. Engadir que a talla do pito central non foi feita por Basilio, senón por un amigo do propietario.

    Xosé Domingos Fuciños no Audiovisual feito e editado por Xosé Bocixa en homenaxe a Basilio Carril, comenta que xa o pai de B. Carril facía pitos e gaitas, e que eprendeu dun artesán chamado O Carragoto.

    Aínda que tamén hai diferenzas entre eles, especialmente na lonxitude, as características xerais dos pitos de Basilio Carril son (medidas tomadas do pito central):

  • Interior con furado lixeiramente cónico, co calibre máis ancho cara ao bisel.
  • Tonalidade: E5 (A= 440 Hz). Sensible D# no 7º burato
  • Madeira de buxo en dúas seccións
  • Embocadura: 10 cm
  • Cana: 21,9 cm
  • Espigo: 2,2 cm
  • Lonxitude total: 29,7 cm
  • Sete buratos frontais e un posterior
  •  

     
          

    Pitos construídos en buxo por Basilio Carril polo ano 1950. Tonalidade de Mi.

     

    Seguindo un modelo de Basilio Carril, Antón Corral retomou a súa construción no ano 1979 cunha innovación: a tonalidade de re, ideal para acompañar outros instrumentos como a zanfona, requinta ou gaita. Como mostra, temos o LP Intrumentos Musicais Populares Galegos do Grupo Didáctico-Musical do Obradoiro-Escola de Gaitas e Zanfonas da Universidade Popular do Concello de Vigo, dirixido por Antón Corral e editado por Sonifolk no ano 1990, onde se pode escoitar a gravación do pito tanto en solitario como en conxunto cos instrumentos anteriormente citados.

     

    Portada do LP Instrumentos Musicais Populares Galegos. Sonifolk 1990.
    Outra gravación con pito en re construído por A. Corral con madeira de granadillo, podemos escoitala no libro-CD Guía Didáctica de Instrumentos Galegos, editado por Ouvirmos no 2011, do autor deste mesmo traballo, Moisés Quintas. Actualmente este traballo está dispoñible na web:

    http://www.instrumentosgalegos.gal

     

     

       

    Portada do libro CD. “Guía Didáctica de Instrumentos Galegos” Ouvirmos 2011.

     

    Ademais, A. Corral no seu labor docente, fixo de transmisor deses coñecementos aos seus alumnos, que hoxe seguen a fabricalos. Así, o artesán Miguel Mosquera, discípulo de Corral, aumentou a tonalidade a sol (contralto), a do e sib (soprano) e recentemente la (sopranino) e re (tenor), ampliando así as súas posibilidades interpretativas.

    Tamén outros artesáns entre os que cómpre destacar a Carlos Corral, Xaime Rivas, Benito Queimaliños, Manuel Brañas, Prieto, Mouriño, Reberete e Pablo Carpintero os fabrican en distintas tonalidades.

    Deste xeito, da man destes e doutros construtores de instrumentos, o pito galego atópase nun proceso de evolución constante, tanto na estética, mesturando distintas madeiras e anelados, como no timbre ou aumentando a súa familia cara a modelos máis graves.

     

    As características do pito en re, prototipo de Antón Corral, e que posteriormente serviría de modelo para os seus alumnos, son:

     

    • Interior con furado lixeiramente cónico, co calibre máis ancho cara ao bisel.

    • Está formado por dúas pezas:

           - Boquilla con bisel, onde se produce o son. Mide uns 11 cm.

           - Cana con sete buratos frontais, un ou dous deles pode ser dobre (os das notas re e mi graves), e outro na parte dorsal para o polgar da man esquerda. Remata nun espigo de 2 cm na parte superior que encaixa na boquilla. Mide uns 23 cm.

  • Ten un tamaño total de 32 cm, que pode variar en función da tonalidade.
  • Fabrícase tradicionalmente en buxo, aínda que agora se están a empregar outras madeiras de importación como o granadillo.
  • A extensión musical do pito é de aproximadamente dúas oitavas cromáticas, o que permite tocar en calquera tonalidade, aínda que as máis empregadas sexan re, sol e do.
  • A súa dixitación é semellante á da gaita, polo que tamén se emprega para a aprendizaxe desta; de feito, gran parte dos vellos gaiteiros aprenderon neles, fabricados en cana ou sabugueiro, antes de poder mercar unha gaita.
  •  

    Pito construído en buxo por Antón Corral en tonalidade de re no ano 1979.

     

     

     

     

     

     

     

     

     

     

     

     

     

     

     

     

     

    Pitos en tonalidade de sol, sib, do e re, buxo anelado en granadillo feitos polo artesán  Miguel Mosquera.

      Audio do Pito contralto en sol.

     

     

     

     

    A finais do ano 2015 publícanse dous novos traballos relacionados con este instrumento que veñen a reivindicar o seu lugar na música galega. Son:

    - O libro  "Pito Galego, Método Práctico" de Moisés Quintas editado por Ouvirmos, que é a edición en papel de todo o contido desta páxina web.

     

     

          Portada do libro “Pito Galego, Método Práctico” Ouvirmos 2015.

    - O disco "Pito Galego" de Efraím Díaz editado por Inquedanzas Sonoras, no que  a través de 19 pezas con pitos en distintas tonalidades, explora todos os seus recursos, tanto en solitario como acompañado doutros instrumentos como zanfonas, gaitas, arpas, violíns ou guitarras.

    Destacar que neste disco aparece a primeira gravación con pito tenor constrído polo artesán Miguel Mosquera que se pode escoitar nesta ligazón.

      

        

          Portada do CD. “Pito Galego” Inquedanzas Sonoras 2015.