Cando se fala de cultura dos pobos é ben trillado dicir 
      que o coidado da mesma fai que esta se dignifique e xa que logo perdure. 
      Mais, aínda que sexa algo manido, é fundamental telo en conta e poñelo en 
      práctica, e se nos referimos á nosa cultura galega, mesmo cobra máis 
      sentido.
      Os séculos escuros e os anos negros do século XX 
      inflixiron tal dano na concepción da propia cultura entre os galegos, que 
      foron quen de apartala e de facer que se adoptase a foránea como modelo a 
      seguir. Esa concepción non é algo que ficara encallado xa no pasado, non, 
      continuamos a sentilo en cada recuncho dos nosos lugares.
      A cultura galega, un gran concepto que contén toda a 
      bagaxe que portamos, identifícanos como persoas, asina o noso xeito de 
      ser, sitúanos nun espazo cunha senlleira xeografía, adhírenos a unhas 
      tradicións, sinálanos coas pegadas da nosa historia, perfila o noso 
      carácter. E con todos eses trazos dános unha lingua e unha música propias. 
      Por iso é tan relevante o feito de dignificar os nosos recursos, 
      establecendo unha metodoloxía que axude a entender e a pór en valor esa 
      sabedoría popular que rebule na fraseoloxía e paremioloxía que os 
      estudosos de campo se esforzaron en recoller e grafar en textos, nos 
      gravados históricos dos documentos perdidos, nas músicas lembradas e 
      transmitidas de xeito oral. Son as nosas músicas, coma pinceladas de cores 
      luminosas, que conforman un infinito universo macrocromático de sons, 
      procedentes da creatividade dos tanxedores e dos instrumentos que as fan 
      posibles.
      Nesta liña, resulta de suma importancia a elaboración 
      deste método sobre o pito galego, xa que contribúe a mostrar as súas 
      posibilidades, mais sobre todo, pon de relevo a súa dignificación como 
      instrumento universal pouco recoñecido entre nós. E, do mesmo xeito que é 
      importante para a lingua a existencia dunha norma escrita, tamén o é para 
      a música. Por iso, os seus estudosos, músicos ou artesáns, deben deitar a 
      pegada histórica dos instrumentos en métodos coma este, ademais de 
      describir o miolo interior e a súa máis eficaz técnica, de maneira que 
      transmitan aos máis novos a sensibilidade cara aos nosos propios, aqueles 
      que proporcionaron melodías no devir da nosa tradición. E o feito de 
      verter unhas normas e achegas escritas que prevalezan no tempo e sirvan de 
      guía ás vindeiras xeracións, coadxuvará á súa supervivencia, e xa que logo 
      á utilización técnica e normalizada dos nosos instrumentos.
      O son do pito, adozaría as longas xeiras no campo, as 
      romarías dos pobos, ou harmonizaría as xuntanzas nun torreiro de domingo, 
      desde xa nin hai lembranza. Os trobadores, aló na Idade Media, entoarían 
      as cantigas de amigo ou as de amor co seu son de fondo e logo, el mesmo, 
      ou un sucesor seu, chegaría aos nosos días baixo o xugo pexorativo que 
      leva imbuído o tradicional popular galego.
      Desde os artesáns dos anos setenta, entre os que eu me 
      atopo, ou mesmo algún anterior, cando se comezou a recuperar e a difundir, 
      mesmo a abrirlle novas posibilidades de coordinación con outros 
      instrumentos populares ou doutro tipo, desde o esforzo e dedicación por 
      mostrar e aprenderlles aos máis novos a súa importancia e a súa 
      versatilidade musical, chega este método didáctico de Moisés Quintas, 
      escrito con fluidez e achegado á sensibilidade do amor polo noso, cun 
      obxectivo claro, en canto á contribución e asentamento da base do ensino 
      da traxectoria histórica evolutiva e da técnica do pito galego.
      Antón Corral