Principal
Prólogo
O Método
Historia
O Pito Galego
Obradoiro
Dixitación
Mantemento
Respiración
Estiramentos
O Son
Afinación
Articulación I
Técnica I
Técnica II
Técnica III
Técnica IV
Arpexos
Articulación II
Técnica de Gaita
Repertorio Tradicional
Bibliografía
Ligazóns
Agradecementos
Contacto
       

    

     Pito Galego  Moisés Quintas Suárez

Estiramentos e Quentamentos

 

 

Para acadar unha boa técnica ou unha boa articulación é moi importante tocar con regularidade.

Aínda que sexa pouco tempo, é aconsellable tocar a diario. Se pretendemos facer nun día o que non fixemos nunha semana, corremos o risco de sufrir unha tendinite.

Comezamos tocando sempre cousas sinxelas para quentar progresivamente antes de profundar en exercicios con dificultade.

Para acadar independencia e velocidade nos dedos, necesitamos dun exercicio constante.

Se tocamos sentados, debemos ter especial coidado coa postura e coa respiración.

Os exercicios do método están ordenados polo grao de dificultade, e cada un deles debémolo dominar antes de pasar ao seguinte.

Acadar unha boa técnica é un obxectivo que pode levar tempo, polo que é aconsellable ter constancia e paciencia.

 

 

É moi importante que no momento de coller o instrumento tanto os brazos como as mans estean relaxados, evitando calquera tipo de tensión.

Asegurámonos de que o pito estea ben montado, é dicir, que os buratos estean en liña recta co bisel, antes de tocar.

 

Os dedos deben estar en posición perpendicular ao pito e semicurvados.

A man esquerda sitúase na parte superior do pito, e a dereita na inferior.

 

 

                                

Debemos coidar que:

 

Non haxa tensión ou rixidez nos dedos.

Non encollamos os dedos que non empregamos.

O maimiño da man esquerda non se erga ou suxeite a frauta por detrás.

O polgar da man dereita estea por detrás debaixo do dedo índice.

Cada dedo permaneza próximo ao burato que lle corresponde tapar e xusto enriba e ben tapado cando dea a nota.

A coordinación entre a lingua e os dedos sexa perfecta.

Os buratos non estean mal tapados, xa que soaría unha nota equivocada ou desagradable.

A presión en cada nota sexa a xusta.

Os dentes nunca toquen na embocadura.

O polgar esquerdo tape ben o burato traseiro na primeira oitava.

 

Estiramentos e quentamentos previos

Do mesmo xeito que un deportista fai uns exercicios previos de quentamento dos músculos, tamén nós debemos facelo antes de tocar.

Ademais de relaxarnos, estes exercicios evitan tensións innecesarias e preparan os músculos e tendóns para o movemento da lingua e dos dedos.

                                                                                                                                                            

  • Entrelazar os dedos das dúas mans de xeito frontal á altura dos ombros. Xirar as palmas das mans cara a fóra e estender os brazos cara adiante para acadar un estiramento suave nos ombros, a parte central e superior das costas, os brazos, as mans, os dedos e os pulsos.
  • Manter o estiramento durante 15 segundos.

  • Partindo da posición anterior erguemos os brazos cara atrás e cara arriba. Estiramos así os brazos, os ombros e a parte superior das costas. Tamén 15 segundos.
  • Entrelazamos os dedos detrás das costas erguendo os brazos até notar o estiramento nos ombros, peito e brazos.
  • Manteremos o peito sacado e o queixo cara a dentro.

    Farémolo suavemente entre 5 e 15 segundos.

     

     

  • De pé cos brazos caídos e relaxados, erguemos a cabeza botándoa cara atrás lentamente e mantémola nesta posición 3 segundos para despois baixala tamén lentamente até xuntar o queixo co peito.

  • Repetir o exercicio até 5 veces.

  • De pé, cos brazos caídos e relaxados, inclinar a cabeza lentamente cara ao lado esquerdo como querendo deitala no ombro.

  • Manter esta posición durante 3 segundos e logo facemos o mesmo cara ao lado dereito. Estiramos así os músculos do pescozo.

    Repetir o exercicio até 5 veces.

  • De pé cos brazos caídos e relaxados e coa vista á fronte. A cabeza dereita, ímola xirando suavemente cara ao lado dereito facendo un xiro de 90 graos. Mantémola nesta posición durante 3 segundos para despois xirala tamén lentamente para o lado esquerdo.

  • Repetir o exercicio até 5 veces.

     

    Exercicios para fortalecer os dedos, mans, pulsos e antebrazos

    Apertar unha pelota branda de goma de 5 ou 6 centímetros de diámetro.

    Podémolo facer de varios xeitos:

    1º Xogando con ela entre os dedos.

    2º Apretando e afrouxando con todos os dedos.

    3º Apretando entre o polgar e cada un dos outros dedos entre 5 e 8 veces aproximadamente e sempre sen cansarse.

    Xuntamos o polgar co índice e logo separámolos e estirámolos lentamente abrindo canto poidamos, centrando a atención neses dous dedos.

     

    Repetímolo 3 veces.

     

    Ídem xuntando o polgar co resto dos dedos.

    Unha vez interiorizado o exercicio, podémolo facer coas dúas mans ao mesmo tempo.

     

    Exercicios para a cara e a lingua

    Estes exercicios axudan a relaxar o exceso de tensión que sen darnos conta acumulamos na cara :

    Erguer as cellas abrindo os ollos canto poidamos.

    • Abrir a boca estirando os músculos que rodean o nariz e o queixo.

    • Sacar a lingua de todos os xeitos posibles.

    • Coa boca pechada recorrela por dentro coa lingua.

    • Dobrar a lingua cara ao ceo da boca.

    • Dobrar a lingua entre os beizos presionando lateralmente até facer un "U".

    • Dobrar a lingua entre os dentes.

    • Pronunciar a sílaba "TU" repetindo varias veces tan rápido como poidamos (picado simple).

    • Pronunciar a sílaba "TUKU" repetindo varias veces tan rápido como poidamos (dobre picado).

    Pronunciar a sílaba "TÚKUTU" repetindo varias veces tan rápido como poidamos (triple picado).